domingo, 14 de marzo de 2010

Estamos aquí !!!!!



Ribeiriño, o rato que por fin tivo nome



Ola!!


Por fin, a biblioteca do IES O Ribeiro está no ciber espazo! Abrimos as ventás e saímos ao voso encontro, primeiro co boletín, e agora con esta pequena nave de exploración, que nos permitirá chegar onde ninguén estivo antes...
Perdoade, sempre quixen dicir isto.
O Tobo do Ribeiriño pretende ser acolledor, bonito e fresco, como corresponde ao acocho dun rato de biblioteca. Axudádenos a que haxa sitio para todos e a que todos teñamos un sitio.
Acompañádenos nesta busca do coñecemento, da información, do entreteñemento. Para nós, o grupo da biblioteca, está sendo unha aventura, e que aventura paga a pena se non se pode compartir?
Aos que nos precededes nesta aventura da biblioteca escolar, grazas por estar aí, polo voso consello e a vosa axuda.
Aos alumnos e alumnas do IES O Ribeiro, este blog non ten sentido se non o facedes voso, sabemos que participaredes nel, como participades da biblioteca.
Aos profesores e profesoras que nos axudades e sufrides, aquí tamén tedes un sitio para vós. O mesmo que está aberto ao persoal que nos fai a vida máis doada no centro, que colabora xa tanto coa biblioteca. E aos pais, e a todo aquel que, de paso, por casualidade, pescudando na rede, crea que ten algo que dicir e queira compartilo con nós.
Este é un tobo un pouco insólito, coas portas e as fiestras sempre abertas, esperando que queirades pasar, acomodarvos, e dicir algo. Sodes sempre benvidos

1 comentario: