domingo, 14 de marzo de 2010

And the winner is...


Costou 82 anos e supoño que moita frustración, pero por fin, ó premio cinematográfico máis recoñecido do mundo recaeu nunha directora. Cada vez é máis frecuente encontrar mulleres que teñen historias que contar... e sobre todo que consiguen que a industria lles permita contalas. Porque mulleres con historias que contar existen dende sempre, pero non sempre puideron facelo.
Tamén é cada vez máis frecuente que reciban premios cinematográficos de prestixio: a propia Kathryn Bigelow vén de gañar este ano con En terra hostil (The Hurt Locker) o premio á mellor dirección do Sindicato de directores de Estados Unidos. Pero os Oscars resistíanse, e de feito, en anteriores edicións do premio só houbo outras tres nominadas ao premio á mellor dirección.
Casualmente, a gala celebrábase este ano á víspera do Dia Internacional da Muller.

A película gañou tamén o Oscar ao mellor guión orixinal, e á mellor película do ano, xunto con tres Oscars técnicos, Tamén é o filme co presuposto máis barato que gaña os Oscars máis importantes: só 10 millóns de dólares, o que se interpreta por moitos críticos coma o trunfo do cinema independente por riba das mega-producións da industria.

Soñamos cun mundo onde feitos como este non sexan noticia, porque iso significa que haberá igualdade. Pero alguén ten sempre que facer historia para que historias como esta deixen de ser noticia.

No hay comentarios:

Publicar un comentario