jueves, 22 de marzo de 2012

FERNANDO MÉNDEZ E DEUS XOGANDO AOS DADOS NO IES.

Crónica de Rita Abraldes sobre a visita de Fernando Méndez





O martes 20 de marzo saudounos a primavera coa visita do Escritor e xornalista Fernando Méndez. O Departamento de Lingua Galega, Equipo de Normalización Lingüística e Biblioteca do IES de Ribadavia organizaron a visita do escritor para o alumnado de 4º de ESO do noso centro e do Tomás de Lemos. O autor falounos da súa novela Deus xogando aos dados (Sotelo Blanco), que leron na segunda avaliación. Pero a visita foi moito máis ca iso. Fernando animounos a escribir e a sermos libres a través da palabra e do pensamento. Tamén nos emocionou relatándonos o xérmolo da novela, a súa visita ao campo de exterminio polaco de Auschwitz. Revelounos que o misterio da escritura ten un pouco de rebeldía, moita soidade, traballo arreo e imaxinación, deixando a voz do escritor nun plano oculto, para non malograr o feitizo da ficción. As súas palabras foron cercanas e auténticas. Por iso nos encantou.
Consciente da importancia de manter a tensión dramática, rematou a visita cun final aberto, pois falou do caso do metílico, o maior caso de envelenamento habido en España, que investigou ao longo de cinco anos. Quedamos emprazados para un novo encontro, quizais para o próximo ano, coincidindo co cincuentenario do envelenamento e reedición do seu libro, Historia dun crime. O caso do metílico (Galaxia).
Por certo, recomendamos vivamente a lectura da novela, recoñecida co Vicente Risco de creación literaria e finalista dos premios da asociación galega de editores.

1 comentario:

  1. Moi ben a festa pero os alumnos de 1º da eso non o vimos!!

    ResponderEliminar