miércoles, 23 de junio de 2010

Chegou o verán e con el as vacacións. Un bo plan para esas horas tediosas e abafantes das tardes de verán é refrescarse cun bo libro. Desde a biblioteca do IES O Ribeiro propoñémosvos o que nos gusta e o que sabemos que vos vai gustar. hai para tódolos públicos.

Había unha muller velliña á que os días de inverno se lle facían moi longos. Entón decidiu ir mercar un libro. O libreiro deulle un libro moi antigo, cheo de po, sen título nin autor. Cando chegou á casa, a velliña comezou a lelo e decatouse de que este libro contaba a súa historia. Leu ata a páxina onde estaba escrito que fora mercar un libro. Asustouse e non puido ler máis. Isto é un pequeno resumo dunha das historias que podes atopar para ler este verán. Se queres coñecer o final búscao no libro “O home que non quería soñar”, de Álvaro de Magalhaẽs, Ed. Xerais

Outra proposta é un libro de teatro que ten un enorme éxito entre os alumnos: “O achado do castro”, de Núñez Singala. A acción,que se desenvolve na época do Imperio Romano, fálanos de dous ladróns un pouco tontos que, fartos de traballos de pouca monta, deciden roubar no pazo Imperial e tamén do amor, en principio imposible, de Manolitus e Carmiñae, iconas xa das grandes historias de amor da literatura galega. Estes personaxes e moitos máis e as situacións que provocan farán que escaches coa risa..
As rulas de Bakunin, de Riveiro Coello, fala dun encarcerado durante a Guerra Civil que fai a aposta cun dos seus carcereiros de que é capaz de aprenderse un libro de memoria. Ah, por certo, tamén é unha fermosa historia de amor.

María Raimóndez narra en O club da calceta a historia de varias mulleres que entretecen os fíos das súas vidas mentres comparten o seu tempo de lecer.

Ollos de auga e A praia dos afogados de Domingo Villar: se es amante do relato policial, o inspector Leo Caldas levarate polas vías do misterio...


Queremos recordar especialmente a José Saramago con dúas das súas obras que máis nos impactaron:
Todos os nomes:O Sr. José é un empregado do Rexistro Civil. Chámalle a atención a ficha dunha muller descoñecida e comeza a investigala. É un libro sorprendente que non destaca pola acción dos personaxes, senón pola obsesión do Sr. José, o único personaxe que ten nome nesta novela. E Ensaio sobre a cegueira: un estraño andazo de cegueira atinxe a case tódolos habitantes dunha cidade. ¿Imaxinas?

Beliña

martes, 15 de junio de 2010

Por que facemos o que facemos.

Leo nun dos blogues favoritos do Tobo unha entrada que teño que compartir convosco. Por dúas razóns: porque explica de marabilla por que facemos o que facemos, na biblioteca e na vida, e porque hai formas de escribir que son poesía aínda que parezan prosa.
Hai unha terceira razón: sempre é un pracer ler o que escribe Juan Mata.

http://discretolector.blogspot.com/2010/06/en-el-regazo.html

Poema do mes: Xuño

Porque explica tan ben por que facemos o que facemos, este é o poema do mes, do ano, do curso vindeiro e de todos os cursos.  

    Onde todas as palabras existen, estás ti comigo, aínda que xa non vaias
 ao meu carón.
      Onde todos os libros habitan, tamén hai un oco habitable onde ti vives
canda min.
      Onde todas as historia, grandes ou pequenas, contadas ou cantadas,
teñen cabida, a túa historia é unha máis das que fan que este mundo
ula mellor.
      Onde todos os bicos saben a papel.
      Onde o papel ten a suavidade das caricias. Onde o silencio está preñado
de contidos.
      Onde todo é posible entre catro paredes, porque a imaxinación
verdadeira xamais será coutada con paredes...
      Aí, no centro do corazón de todas as cousas,
     onde latexa a túa risa cando un bo conto te fai rir,
     onde brilla de emoción a túa ollada cando un poema te soubo
emocionar,
     onde tremes de medo, porque alguén desde o outro lado dunha páxina
impresa che fala coa voz dos seres que asustan,
     ou vibras de felicidade, porque nada fai máis feliz que sentirse repleto
de vida, da propia e das alleas que chegan a nós para incorporarse á nosa pel e
viaxarmos xuntos até o final...
     aí, na biblioteca,
     amado espazo de liberdade,
     farei un niño pequerrecho, un acocho morno,
     un leito de agarimo,
     onde ti,
     meu ben,
     saibas que te amo
     con mentiras de mentira.
     Porque non hai máis grande amor có de contar, debuxar e ler as
palabras que son quen de recollernos a vida nun aceno. O aceno de pasar as
páxinas dun libro e saber, pantrigo, que es ti quen me espera no capítulo
seguinte dunha historia que, quizais, alguén teña un día que contar.
Pero esa, como sabes, xa será outra historia.

Xosé A. Neira Cruz, A biblioteca, amado espazo de liberdade. 2006

lunes, 14 de junio de 2010

Palabras de 1992 que nos valen coma novas...


Hoxe, na Biblioteca, ao recibir o cargamento de libros novos que nos faltaba por chegar, decidimos que estas palabras seguen a ter un valor enorme. Para os que non as coñecedes, aí vai este fermoso pensamento e a petición que o acompaña, en forma de desexo que compartimos:

"Creo, amigos, que paga a pena ter un libro nas mans, aínda que sexa roubado, e probalo como quen proba por vez primeira o pan.

En nome dos queridos libreiros, da industria editorial e dos dereitos de autro, convido á xente a que leve da feira un cesto con produtos da terra, da agricultura dos soños, labrados e colleitos por campesiños das palabras. Agora ben, confidencialemnte, e xa só no meu nome, como gaiteiro libertario, sentiríame orgulloso de que en Galicia abundasen os ladróns de libros. Oxalá a nosa identidade delictiva no futuro non se mida por incendios forestais ou narcotráfico, senón por contrabando de libros, por substraccións de libros e por adicción aos libros.
¡En calquera caso, Saúde e Terra, irmáns!"

Manuel Rivas, Toxos e flores


Fermoso, non si?
Pero se non queredes delinquir, e si alimentar o voso espíritu, aí están os libros esperando por vós, na biblioteca... Sacádeos do seu soño e sede, vós tamén, campesiños das palabras.

miércoles, 2 de junio de 2010

Detectives literarios.


Hai quen nos facilita a tarefa enormemente, xente que busca por nós e atopa ouro, pedras preciosas, petróleo literario e paisaxes marabillosas creadas con palabras. Queremos presentárvolos, e seguiremos buscando aventureiros da palabra.

Se buscas que ler, aquí tes ideas:

http://www.filix.org/

http://www.eltemplodelasmilpuertas.com/

http://sol-e.com/