viernes, 11 de noviembre de 2011

Estamos aquí de novo!!!!

Levamos un par de meses de curso e aínda non puidemos sequera saúdar.
Este ano, á volta das vacacións houbo moito que organizar despois da fusión dos dous centros de ensino secundario de Ribadavia. Despois de moitas dificultades e retrasos, o grupo da Biblioteca quere darvos a benvida a todos e todas, os que nos integramos no novo instituto e os que vides doutros lados a formar parte deste novo proxecto.


A todos e todas unha aperta, e aquí estamos, para o que precisedes.


Ao pé do castelo... resistindo agora e sempre...

viernes, 24 de junio de 2011

O Ribeiro indignado!!!



Unha imaxe vale máis que mil palabras...

martes, 21 de junio de 2011

VERÁN, POR FIN

O Ribeiro ao sol:


Por fin é tempo de lecer!!!!
Aproveita o verán: xoga, fai deporte, sae cos amigos, toma o sol, ref´rescate… e le.
A biblioteca do IES préstache tres libros ata setembro.
Trae o teu carné da biblioteca e
A disfrutar da lectura!!!


Cartel de verán

miércoles, 8 de junio de 2011

Manifesto das Bibliotecas escolares de Galicia.

Chegamos un pouco tarde, pero non por iso queremos facer menos. Neste blog adoitamos publicar cousas que nos alegren a vida. Esta vez, a biblioteca, as profesoras que formamos o grupo da biblioteca queremos protestar, chamar a atención sobre o que consideramos un ataque ao que defendemos e polo que traballamos neste tobo. Estamos, coma os nosos compañeiros e compañeiras nesta tarefa compartida, doídas e indignadas.


Ante a previsible retirada de formadores específicos no ámbito das bibliotecas escolares no Servizo de Formación do Profesorado, no Centro Autonómico de Formación e Innovación e nos centros de formación e recursos dependentes da Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa, segundo o borrador da orde que convocará concurso público de méritos para cubrir postos de persoas directoras e asesoras nestes centros queremos manifestar o seguinte:

Hai proxectos que nacen marcados pola vulnerabilidade e a razón desta circunstancia non ten nada que ver coa falta de rigor ou a pouca entrega das persoas que os poñen en marcha. Máis ben ten que ver co feito de que nacen destinados a nadar contra corrente. Con todo, esa é a principal razón da súa existencia: xorden porque responden a unha necesidade non satisfeita pero compartida por un número crecente de persoas que senten que é posible compartir e facer viable o proxecto xuntos. Así naceu o movemento que cristalizou na iniciativa que todos coñecemos como PLAMBE. De xeito que dende hai algúns anos, esa iniciativa levou o mellor da creatividade e o esforzo de moitos docentes que xenerosamente regalaron o seu tempo e a súa capacidade de formar equipos e ilusionar a outros docentes en centros e centros de toda a nosa comunidade. Xuntos aprendemos a ser rigorosos e esixentes nos nosos proxectos, a crear espazos de aprendizaxe colaborativo, de cambios de estratexia, de achegamento ás novas tecnoloxías, de racionalización na xestión da información. Que ninguén se equivoque: os responsables das bibliotecas escolares non son seres evanescentes perdidos en vanas quimeras que tentan “roubar” horas a materias “importantes” para que o alumnado esmoreza entre mundos de ficción. Nada máis lonxe da realidade. Nun centro onde hai un equipo que xestiona a biblioteca de forma eficaz nótase. Os fondos adquírense con criterio, establécense acordos para xestionar a información, créanse espazos de colaboración e docencia compartida. Non é doado porque a maquinaria educativa ten unhas inercias difíciles de combater. A pesar de todo, estes docentes fórmanse e exercen a súa dura misión en horas non retribuídas, roubadas ás súas familias, ao descanso, ao lecer. Fomos coordinados con rigor e seriedade pola Asesoría de Bibliotecas Escolares pero sempre nos faltou o marco legal axeitado.

A nosa misión é dura porque queda moito por definir. Na nosa inxenuidade e boa fe esperabamos conseguir progresivamente tempos e formación para seguir mellorando na nosa función se demostrabamos que eramos rigorosos e eficaces. Os nosos méritos como colectivo son dabondo coñecidos polos nosos gobernantes e acreditados por diferentes administracións e ámbitos a nivel estatal. Os numerosos e constantes premios anuais de boas prácticas concedidos polo Ministerio de Educación y Ciencia non caeron do ceo. Durante todos estes anos a formación recibida foi fundamental para levar a cabo actuacións rigorosas e enfocadas na dirección correcta.
Sabemos das cuantiosas axudas que a Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa, destina a outros proxectos, dos incentivos para a elaboración de contidos dixitais por parte das empresas editoriais, entre outras iniciativas. Non sería tamén interesante fomentar a produción de materiais propios e promover desde cada centro a estandarización de procedementos que axuden a xestionar a información entre o noso alumnado sen confiar todo a eses materiais externos que proceden da industria editorial, por valiosos que poidan ser? Por que non seguir aproveitando a experiencia e valía dos equipos das bibliotecas escolares nestes cometidos?. O noso empeño sempre foi crear nos centros pequenos focos que tentan estender esas boas prácticas de innovación e excelencia. Non entendemos este novo e repentino xiro na política de formación desta Dirección Xeral. Non nos parece xusto posto que, podemos dicir honestamente que, pola nosa banda, cumprimos con fartura. Ao desmantelar as estruturas que nos sosteñen o deterioro será proporcional ao entusiasmo e o esforzo investidos: inmenso e imparable. Algúns lembramos como o noso Conselleiro lanzou un bico ao aire ao despedirse dos asistentes aos últimos encontros despois dunhas entusiastas palabras de eloxio polos éxitos logrados polas bibliotecas escolares galegas a nivel estatal. Onde quedou ese entusiamo? Que interpretación debemos facer? O noso país pode permitirse tirar pola borda todo este traballo? E nós?. En que situación quedaremos agora diante das nosas comunidades educativas se despois de tanta insistencia é a propria Consellería a que nos invisibiliza?.

jueves, 14 de abril de 2011

O Ribeiro en Celanova

5 DE ABRIL. A CELANOVA DE CURROS E CELSO EMILIO.

O martes 5 de abril o Dpto de Lingua Galega e Literatura organizou unha ruta literaria cos alumn@s de 3º de ESO e 4º PDC. Os protagonistas literarios da mesma foron os poetas celanoveses Curros Enríquez e Celso Emilio Ferreiro. Ás dez da mañá visitamos a Fundación Curros Enríquez, onde Paula Conde nos explicaba as orixes da casa e da Fundación, ao tempo que nos ilustraba sobre a vida e obra do poeta do Rexurdimento. Alí lemos o primeiro poema escrito polo celanovés, Cántiga.





A continuación paseamos polas rúas da vila, ata a Taberna do Galo, onde lemos un fragmento do relato homónimo celsoemiliano. Continuando coa ruta, fomos ata o Mosteiro de San Rosendo, onde os estudantes leron dous poemas: A igrexa fría, de Curros, exemplo da súa voz poética anticlerical, e mais Maio, 1972, de Celso Emilio, representativo do seu lirismo de denuncia contra a guerra civil. Dentro do mosteiro, na bilioteca do IES, lemos emocionados Longa noite de pedra.








Logo da visita pola igrexa, claustros e capela de S. Miguel e tras o xantar, visitamos Vilanova dos Infantes, onde o párroco nos amosou a imaxe da Virxe do Cristal, ao tempo que nos recitaba, era unha pedra pedriña… Día, en fin, de poesía en Celanova, esa Terra de Poetas

miércoles, 13 de abril de 2011

Felix Rodriguez de la Fuente? pero... de que me sona a min isto?



Na anterior entrada ao blogue, falaba Rita do novo proxecto de Angel de la Cruz, que ten que ver cos lobos que tanto quere o noso e con Félix Rodríguez de la Fuente. Os ratos da miña idade temos gravada nos miolos a voz e as ensinanzas do esgrevio naturalista (e máis a singular música do programa El hombre y la Tierra), pero quizais algúns de vos non, aínda que as reposicións da súa magnífica obra na televisión son frecuentes. Para iso está o blogue: para a nosa información... e para a nosa nostalxia. Espero que vos gusten tanto como me gustan a min estes vídeos:


jueves, 7 de abril de 2011

Ángel de La Cruz no Ribeiro

31 de marzo. Ángel de La Cruz





O mes de marzo remataba cunha actividade do Dpto de LGeL do IES O Ribeiro. Visitounos o escritor e cineasta Ángel de La Cruz, autor do libro gañador no 2004 do concurso de Novela por Entregas de La Voz de Galicia c’O descenso do derradeiro ocaso.



Os alumn@s de 3º e 4º de ESO, lectores desta novela, asistiron a unha charla sobre o proceso creativo, tanto literario como audiovisual. O director das longametraxes de animación O soño dunha noite de San Xoán ou O bosque animado, tamén nos falou dos seus proxectos, entre os que destaca un que agardamos ver impacientemente: unha fita de animación sobre as historias de lobos que Félix R. de la Fuente narrara para a radio. Atención, porque van levar a voz orixinal do naturalista! Esta vai ser unha ocasión inmellorable para que o (re)descubramos!!!

jueves, 31 de marzo de 2011

Comenta un libro: De viaje con Darwin 2


DE VIAJE CON DARWIN 2







Éun libro incrible. Cóntache cousas que descoñecía, lugares incribles, costumes, animais.

Todo contado como se Darwin volvese a vivir recorrendo os lugares da súa ultima viaxe ao arredor do mundo pero con diferentes compañeiros.Empeza en Cabo de Hornos

Darwin encontra cousas que antes non vira. hai lugares co seu nome (parques, volcáns e hoteis)

Sobre todo É un libro que parece verdade porque cho conta todo o científico como se nunca morrera , e os debuxos dos animais son incribles, coma os planos das cidades e as fotografías, son realmente marabillosos e excelentes.



Lucía López López

4º PDC

 
Lucía xa comentou un libro que lle gustou e que revive nos nosos días a viaxe de Darwin no Beagle. Se queres comentar libros, películas, ou música, podes dirixirte ao Grupo da Biblioteca ou enviar os teus comentarios ao correo do Ribeiriño:
 
correo.biblio.ribeiro@gmail.com

lunes, 21 de febrero de 2011

Eu son... Balbino

Un texto elaborado por Maribel Gil Cacheiro sobre o libro de Neira Vilas.

martes, 15 de febrero de 2011

Día da Paz

Celebramos a paz todos os días, por iso, aínda que tarde, aquí tedes a presentación que fixo Cecilia para lembrarmos por que lle adicamos un día


domingo, 13 de febrero de 2011

Concurso Cartas de Amor

Lembrade que está aí á volta da finde o remate do prazo para presentar as vosas cartas de amor, desamor ou desengano ao concurso que anualmente convoca o Equipo de Normalización Lingüística (ENDL) do IES O Ribeiro. Para vos refrescar a memoria e a creatividade, aquí tedes o cartel coa convocatoria e as bases:









Aínda estades a tempo!!!! Corre, que o amor espera... e o premio.

viernes, 11 de febrero de 2011

Escribindo como máquinas


Os alumnos de 2º de Bacharelato experimentaron coa escritura automática surrealista. Velaquí os resultados:

2º BAC A

Non ten nada que ver
chorar, chover e, como sempre, volver
a esa terra que quero ver.
De noite e de día
imos facer caligrafía.
Campos de versos sen sentido
con corazóns desterrados
e a miña alma sen capitán
igual que o meu barco pirata no mar.
Cando vexo o sol saír e o mar brillar
as esperanzas regresan
e cada vez parece que estamos máis preto;
pero logo volves marchar
e eu quedo en soidade
pero sei que me queres.




2º BAC B


Quixera ser unha nena
pequena coma unha boneca,
grande como a ignorancia
e pequena coma un gato.
¡Como os gatos pegan tanto!
Andan con botas de ouro.
Teño ganas de mexar
porque a cabeza non para.
¡Non para!
Vendemos imaxinación
e cos cartos mercamos mazás.
Caio, abaixo. Escuro. Topo co chan.
¡Pum! E matei o can
debaixo do curral.


2º BAC C


Boca de piñón, bícame con frenesí.
Mira os meus beizos gordos e carnosos
e a miña mirada
reflicte a miña namorada
cos seus ollos azuis
e o seu cabelo loiro
que poucas veces lava
para cheirar ben.
Unha flor no campo
con pétalos de cores.

miércoles, 2 de febrero de 2011

O noso veciño máis próximo

Seguro que coñecedes o blogue da Biblioteca Pública Municipal de Ribadavia, pero era un olvido imperdonable que non tivesemos feita a ligazón co noso.

Saúdos, veciños!!!

Xa sabedes: http://www.bpribadavia.blogspot.com/

jueves, 20 de enero de 2011

Astronomía diaria.

Cristina, de 2º B, atopou esta mañá esta ligazón que abre unha ventá ao universo que coñecemos.
Cada día, unha imaxe do que espera máis aló das nubes, cun comentario que nos explica o que vemos.

Esperamos que as gocedes.

http://observatorio.info/2009/10