lunes, 27 de septiembre de 2010

Don Hamlet



Namorei do príncipe indeciso, do home vestido de loito, apabullado pola dúbida, do adolorido señor que ri, e chora e faise o tolo, cando lin por primeira vez a obra do vello Will aos 15 anos. Unha representación en Madrid, na que Hamlet tiña a voz e a intensidade de José Pedro Carrión afirmoume anos máis tarde nese amor para sempre, sempre, sempre. Esta traxedia, teatro coma ningún teatro antes ou despois, contén todo canto se poida contar. Por iso, outros puideron sacar dela materia para soñar.


Así fixo Cunqueiro, fabulador e dramaturgo ousado coma moi poucos. E fixo vivir a Hamlet nun Elsinor que é "unha floresta salvaxe que se mete mar adiante". Elsinor, o lugar máis venteado do mundo, acenderase mañá grazas a "Sarabela" diante dun grupo de alumnas e alumnos do noso instituto.


Non conto máis: que o teatro se faga marabilla diante dos vosos ollos.


Haberá entre aqueles elixidos quen se atreva a facer de reporteiro para o Tobo ou para A Voz do Ribeiriño?

Posteade abaixo as vosas impresións, para que o Tobo teña, por primeira vez, un espazo para a crítica teatral.


"- ¿Pode un home, ó mesmo tempo, ser e non ser?"
Isto pregunta Cunqueiro. A ver se mañá temos a solución a esta pregunta.

miércoles, 22 de septiembre de 2010

Homenaxe a José Antonio Labordeta



Ultimamente perdemos bos e xenerosos coma quen sofre unha hemorraxia: Delibes, Benedetti, Saramago, Labordeta...
Para o cantor e poeta, para o profesor, para o político diferente, para o andarín, para o home, vai esta pequena homenaxe dende o Tobo, triste pola perda.

Pensemos que o día 19 só marchou o home. Quédanos o mellor: a arte e o exemplo. 

Ola!!

Setembro caeu sobre nós coa súa vestimenta de follas de cores e a promesa da vendima. E coa volta ás clases, o inicio do curso con cheiro a caderno novo e balbordo de rencontros.
Espera por nós Ribeiriño, cun tobo renovado: mobles novos, novas seccións e libros novos a rangalleira. Haberá máis novidades ao longo do curso.
E para mirarnos nun fermoso espello, un amigo do Tobo envíanos unha ligazón que nos fai soñar:

As bibliotecas máis fermosas do mundo

A nosa é máis modesta, pero mirámola co orgullo que nos dá traballar nela.