martes, 15 de junio de 2010

Poema do mes: Xuño

Porque explica tan ben por que facemos o que facemos, este é o poema do mes, do ano, do curso vindeiro e de todos os cursos.  

    Onde todas as palabras existen, estás ti comigo, aínda que xa non vaias
 ao meu carón.
      Onde todos os libros habitan, tamén hai un oco habitable onde ti vives
canda min.
      Onde todas as historia, grandes ou pequenas, contadas ou cantadas,
teñen cabida, a túa historia é unha máis das que fan que este mundo
ula mellor.
      Onde todos os bicos saben a papel.
      Onde o papel ten a suavidade das caricias. Onde o silencio está preñado
de contidos.
      Onde todo é posible entre catro paredes, porque a imaxinación
verdadeira xamais será coutada con paredes...
      Aí, no centro do corazón de todas as cousas,
     onde latexa a túa risa cando un bo conto te fai rir,
     onde brilla de emoción a túa ollada cando un poema te soubo
emocionar,
     onde tremes de medo, porque alguén desde o outro lado dunha páxina
impresa che fala coa voz dos seres que asustan,
     ou vibras de felicidade, porque nada fai máis feliz que sentirse repleto
de vida, da propia e das alleas que chegan a nós para incorporarse á nosa pel e
viaxarmos xuntos até o final...
     aí, na biblioteca,
     amado espazo de liberdade,
     farei un niño pequerrecho, un acocho morno,
     un leito de agarimo,
     onde ti,
     meu ben,
     saibas que te amo
     con mentiras de mentira.
     Porque non hai máis grande amor có de contar, debuxar e ler as
palabras que son quen de recollernos a vida nun aceno. O aceno de pasar as
páxinas dun libro e saber, pantrigo, que es ti quen me espera no capítulo
seguinte dunha historia que, quizais, alguén teña un día que contar.
Pero esa, como sabes, xa será outra historia.

Xosé A. Neira Cruz, A biblioteca, amado espazo de liberdade. 2006

No hay comentarios:

Publicar un comentario