miércoles, 23 de junio de 2010

Chegou o verán e con el as vacacións. Un bo plan para esas horas tediosas e abafantes das tardes de verán é refrescarse cun bo libro. Desde a biblioteca do IES O Ribeiro propoñémosvos o que nos gusta e o que sabemos que vos vai gustar. hai para tódolos públicos.

Había unha muller velliña á que os días de inverno se lle facían moi longos. Entón decidiu ir mercar un libro. O libreiro deulle un libro moi antigo, cheo de po, sen título nin autor. Cando chegou á casa, a velliña comezou a lelo e decatouse de que este libro contaba a súa historia. Leu ata a páxina onde estaba escrito que fora mercar un libro. Asustouse e non puido ler máis. Isto é un pequeno resumo dunha das historias que podes atopar para ler este verán. Se queres coñecer o final búscao no libro “O home que non quería soñar”, de Álvaro de Magalhaẽs, Ed. Xerais

Outra proposta é un libro de teatro que ten un enorme éxito entre os alumnos: “O achado do castro”, de Núñez Singala. A acción,que se desenvolve na época do Imperio Romano, fálanos de dous ladróns un pouco tontos que, fartos de traballos de pouca monta, deciden roubar no pazo Imperial e tamén do amor, en principio imposible, de Manolitus e Carmiñae, iconas xa das grandes historias de amor da literatura galega. Estes personaxes e moitos máis e as situacións que provocan farán que escaches coa risa..
As rulas de Bakunin, de Riveiro Coello, fala dun encarcerado durante a Guerra Civil que fai a aposta cun dos seus carcereiros de que é capaz de aprenderse un libro de memoria. Ah, por certo, tamén é unha fermosa historia de amor.

María Raimóndez narra en O club da calceta a historia de varias mulleres que entretecen os fíos das súas vidas mentres comparten o seu tempo de lecer.

Ollos de auga e A praia dos afogados de Domingo Villar: se es amante do relato policial, o inspector Leo Caldas levarate polas vías do misterio...


Queremos recordar especialmente a José Saramago con dúas das súas obras que máis nos impactaron:
Todos os nomes:O Sr. José é un empregado do Rexistro Civil. Chámalle a atención a ficha dunha muller descoñecida e comeza a investigala. É un libro sorprendente que non destaca pola acción dos personaxes, senón pola obsesión do Sr. José, o único personaxe que ten nome nesta novela. E Ensaio sobre a cegueira: un estraño andazo de cegueira atinxe a case tódolos habitantes dunha cidade. ¿Imaxinas?

Beliña

No hay comentarios:

Publicar un comentario