lunes, 27 de septiembre de 2010

Don Hamlet



Namorei do príncipe indeciso, do home vestido de loito, apabullado pola dúbida, do adolorido señor que ri, e chora e faise o tolo, cando lin por primeira vez a obra do vello Will aos 15 anos. Unha representación en Madrid, na que Hamlet tiña a voz e a intensidade de José Pedro Carrión afirmoume anos máis tarde nese amor para sempre, sempre, sempre. Esta traxedia, teatro coma ningún teatro antes ou despois, contén todo canto se poida contar. Por iso, outros puideron sacar dela materia para soñar.


Así fixo Cunqueiro, fabulador e dramaturgo ousado coma moi poucos. E fixo vivir a Hamlet nun Elsinor que é "unha floresta salvaxe que se mete mar adiante". Elsinor, o lugar máis venteado do mundo, acenderase mañá grazas a "Sarabela" diante dun grupo de alumnas e alumnos do noso instituto.


Non conto máis: que o teatro se faga marabilla diante dos vosos ollos.


Haberá entre aqueles elixidos quen se atreva a facer de reporteiro para o Tobo ou para A Voz do Ribeiriño?

Posteade abaixo as vosas impresións, para que o Tobo teña, por primeira vez, un espazo para a crítica teatral.


"- ¿Pode un home, ó mesmo tempo, ser e non ser?"
Isto pregunta Cunqueiro. A ver se mañá temos a solución a esta pregunta.

No hay comentarios:

Publicar un comentario