jueves, 21 de octubre de 2010

Boas novas

No Tobo acumúlasenos o choio, e así pasamos días e semanas e case meses sen escribir. Menos mal que o noso non é unha axencia de noticias. Non gañaríamos un peso...
Sen embargo, hai novas que non queremos que pasen sen un comentario dende a biblioteca. Aí van, e son todas boas (hoxe).

Amin Maalouf, Premio Príncipe de Asturias das Letras.


Alegreime enormemente da concesión deste premio a un autor dos que me gustan de verdade. Gústame a súa visión distinta de feitos que xa coñecía, a capacidade de reflexión sobre realidades dolorosas, coma a de Oriente Próximo, e que os seus textos sempre destilen unha bonhomía intelixente e lúcida. León el Africano é unha fermosa novela histórica e unha revisión da novela de aventuras. Las cruzadas vistas por los árabes proporcionoulle unha nova visión sobre ese proceso histórico. E Identidades peligrosas é un libro que todos deberíamos ler para aprender como non debemos afirmarnos a nós mesmos a partir do desprezo do outro. Maalouf paréceme un dos bos e xenerosos. E escribe coma os anxos.

http://www.lecturalia.com/autor/973/amin-maalouf

lunes, 27 de septiembre de 2010

Don Hamlet



Namorei do príncipe indeciso, do home vestido de loito, apabullado pola dúbida, do adolorido señor que ri, e chora e faise o tolo, cando lin por primeira vez a obra do vello Will aos 15 anos. Unha representación en Madrid, na que Hamlet tiña a voz e a intensidade de José Pedro Carrión afirmoume anos máis tarde nese amor para sempre, sempre, sempre. Esta traxedia, teatro coma ningún teatro antes ou despois, contén todo canto se poida contar. Por iso, outros puideron sacar dela materia para soñar.


Así fixo Cunqueiro, fabulador e dramaturgo ousado coma moi poucos. E fixo vivir a Hamlet nun Elsinor que é "unha floresta salvaxe que se mete mar adiante". Elsinor, o lugar máis venteado do mundo, acenderase mañá grazas a "Sarabela" diante dun grupo de alumnas e alumnos do noso instituto.


Non conto máis: que o teatro se faga marabilla diante dos vosos ollos.


Haberá entre aqueles elixidos quen se atreva a facer de reporteiro para o Tobo ou para A Voz do Ribeiriño?

Posteade abaixo as vosas impresións, para que o Tobo teña, por primeira vez, un espazo para a crítica teatral.


"- ¿Pode un home, ó mesmo tempo, ser e non ser?"
Isto pregunta Cunqueiro. A ver se mañá temos a solución a esta pregunta.

miércoles, 22 de septiembre de 2010

Homenaxe a José Antonio Labordeta



Ultimamente perdemos bos e xenerosos coma quen sofre unha hemorraxia: Delibes, Benedetti, Saramago, Labordeta...
Para o cantor e poeta, para o profesor, para o político diferente, para o andarín, para o home, vai esta pequena homenaxe dende o Tobo, triste pola perda.

Pensemos que o día 19 só marchou o home. Quédanos o mellor: a arte e o exemplo. 

Ola!!

Setembro caeu sobre nós coa súa vestimenta de follas de cores e a promesa da vendima. E coa volta ás clases, o inicio do curso con cheiro a caderno novo e balbordo de rencontros.
Espera por nós Ribeiriño, cun tobo renovado: mobles novos, novas seccións e libros novos a rangalleira. Haberá máis novidades ao longo do curso.
E para mirarnos nun fermoso espello, un amigo do Tobo envíanos unha ligazón que nos fai soñar:

As bibliotecas máis fermosas do mundo

A nosa é máis modesta, pero mirámola co orgullo que nos dá traballar nela.

miércoles, 23 de junio de 2010

Chegou o verán e con el as vacacións. Un bo plan para esas horas tediosas e abafantes das tardes de verán é refrescarse cun bo libro. Desde a biblioteca do IES O Ribeiro propoñémosvos o que nos gusta e o que sabemos que vos vai gustar. hai para tódolos públicos.

Había unha muller velliña á que os días de inverno se lle facían moi longos. Entón decidiu ir mercar un libro. O libreiro deulle un libro moi antigo, cheo de po, sen título nin autor. Cando chegou á casa, a velliña comezou a lelo e decatouse de que este libro contaba a súa historia. Leu ata a páxina onde estaba escrito que fora mercar un libro. Asustouse e non puido ler máis. Isto é un pequeno resumo dunha das historias que podes atopar para ler este verán. Se queres coñecer o final búscao no libro “O home que non quería soñar”, de Álvaro de Magalhaẽs, Ed. Xerais

Outra proposta é un libro de teatro que ten un enorme éxito entre os alumnos: “O achado do castro”, de Núñez Singala. A acción,que se desenvolve na época do Imperio Romano, fálanos de dous ladróns un pouco tontos que, fartos de traballos de pouca monta, deciden roubar no pazo Imperial e tamén do amor, en principio imposible, de Manolitus e Carmiñae, iconas xa das grandes historias de amor da literatura galega. Estes personaxes e moitos máis e as situacións que provocan farán que escaches coa risa..
As rulas de Bakunin, de Riveiro Coello, fala dun encarcerado durante a Guerra Civil que fai a aposta cun dos seus carcereiros de que é capaz de aprenderse un libro de memoria. Ah, por certo, tamén é unha fermosa historia de amor.

María Raimóndez narra en O club da calceta a historia de varias mulleres que entretecen os fíos das súas vidas mentres comparten o seu tempo de lecer.

Ollos de auga e A praia dos afogados de Domingo Villar: se es amante do relato policial, o inspector Leo Caldas levarate polas vías do misterio...


Queremos recordar especialmente a José Saramago con dúas das súas obras que máis nos impactaron:
Todos os nomes:O Sr. José é un empregado do Rexistro Civil. Chámalle a atención a ficha dunha muller descoñecida e comeza a investigala. É un libro sorprendente que non destaca pola acción dos personaxes, senón pola obsesión do Sr. José, o único personaxe que ten nome nesta novela. E Ensaio sobre a cegueira: un estraño andazo de cegueira atinxe a case tódolos habitantes dunha cidade. ¿Imaxinas?

Beliña

martes, 15 de junio de 2010

Por que facemos o que facemos.

Leo nun dos blogues favoritos do Tobo unha entrada que teño que compartir convosco. Por dúas razóns: porque explica de marabilla por que facemos o que facemos, na biblioteca e na vida, e porque hai formas de escribir que son poesía aínda que parezan prosa.
Hai unha terceira razón: sempre é un pracer ler o que escribe Juan Mata.

http://discretolector.blogspot.com/2010/06/en-el-regazo.html

Poema do mes: Xuño

Porque explica tan ben por que facemos o que facemos, este é o poema do mes, do ano, do curso vindeiro e de todos os cursos.  

    Onde todas as palabras existen, estás ti comigo, aínda que xa non vaias
 ao meu carón.
      Onde todos os libros habitan, tamén hai un oco habitable onde ti vives
canda min.
      Onde todas as historia, grandes ou pequenas, contadas ou cantadas,
teñen cabida, a túa historia é unha máis das que fan que este mundo
ula mellor.
      Onde todos os bicos saben a papel.
      Onde o papel ten a suavidade das caricias. Onde o silencio está preñado
de contidos.
      Onde todo é posible entre catro paredes, porque a imaxinación
verdadeira xamais será coutada con paredes...
      Aí, no centro do corazón de todas as cousas,
     onde latexa a túa risa cando un bo conto te fai rir,
     onde brilla de emoción a túa ollada cando un poema te soubo
emocionar,
     onde tremes de medo, porque alguén desde o outro lado dunha páxina
impresa che fala coa voz dos seres que asustan,
     ou vibras de felicidade, porque nada fai máis feliz que sentirse repleto
de vida, da propia e das alleas que chegan a nós para incorporarse á nosa pel e
viaxarmos xuntos até o final...
     aí, na biblioteca,
     amado espazo de liberdade,
     farei un niño pequerrecho, un acocho morno,
     un leito de agarimo,
     onde ti,
     meu ben,
     saibas que te amo
     con mentiras de mentira.
     Porque non hai máis grande amor có de contar, debuxar e ler as
palabras que son quen de recollernos a vida nun aceno. O aceno de pasar as
páxinas dun libro e saber, pantrigo, que es ti quen me espera no capítulo
seguinte dunha historia que, quizais, alguén teña un día que contar.
Pero esa, como sabes, xa será outra historia.

Xosé A. Neira Cruz, A biblioteca, amado espazo de liberdade. 2006